Actualización 25/02/2014: Homenaxe a Elbio o mércores 26 en Bertamiráns
«Elbio sempre con nós. Mañá mércores, 26 de febreiro, ás 4 da tarde, convidamos a quen queira lembrar a Elbio na compaña da familia e de amig@s e compañeir@s, a reunirse con nós no Parque da Peregrina de Bertamiráns. Un acto de recoñecemento, coa discreción e austeridade que el quixera, apegado á terra, apegado ao mundo. Un encontro para manter viva a memoria da súa inmensa humanidade.» Ames Novo
EQUO Galicia asistirá a este recoñecemento representado na súa voceira Rosa Rodríguez Sales e en todas as persoas que queiran achegarse para homenaxear a memoria de Elbio.

Esta semana deixounos Elbio Ramos Albite, unha das persoas que botou a andar o proxecto de EQUO en Galicia.
Persoa comprometida e tenaz, Elbio aportou desde o primeiro momento un discurso con base na realidade social, sereno e construtivo, co que facía unha análise certeira e realista dos principais males da nosa sociedade, cunha amplitude de miras que enfocaba sempre cara a unha utilidade transformadora do traballo social e político, máis alá de sectarismos e personalismos. Se algo temos aprendido de Elbio é que as organizacións políticas non deben ser nunca un fin en si mesmas, senón a ferramenta transformadora que a sociedade precisa.
Desde EQUO Galicia queremos mostrar o noso grande pesar polo pasamento do noso compañeiro, unha persoa de trato exquisito e amigable que nos deixa demasiado pronto. Unha grande aperta a toda a súa familia e persoas achegadas.
