VERDES EQUO renova a súa colaboración con MAREA ATLÁNTICA para as eleccións municipais 2023

A Mesa Nacional de VERDES EQUO Galicia decidiu continuar a colaboración do partido verde e a candidatura de confluencia MAREA ATLÁNTICA, como xa ocorreu nas eleccións municipais de 2015 e 2019.
Con este espazo de confluencia pretendemos acadar o respaldo necesario para voltar ao goberno local da Coruña e continuar co proxecto de cidade participativo, transformador e de adaptación ao futuro.

VERDES EQUO súmase ao proceso de elaboración do programa que comezará o 4 de Febreiro no Centro Cívico de Monelos. O obxectivo deste traballo en equipo é achegar propostas que melloren a vida das persoas e a igualdade social en sintonía co respecto ambiental e do desenvolvemento sostible. As competencias xestionadas polos concellos son fundamentais para conseguir cidades e pobos amables coas persoas de toda índole, sociedades xustas, así como ser os impulsores da loita contra o cambio climático.

O voto verde nas eleccións de maio estará presente na candidatura de MAREA ATLÁNTICA na cidade da Coruña. Para VERDES EQUO, membro do Partido Verde Europeo, a ecoloxía política é máis necesaria que nunca, xa que a cidadanía demanda aos seus mandatarios decisións responsables fronte aos retos do futuro.