10+1 Propostas para un goberno Verde e de progreso na Xunta de Galicia

COIDAR AS PERSOAS

1. Feminismo: Comprometémonos coa erradicación da violencia machista en todas as súas formas na sociedade, así como en tomar medidas para reducir a fenda de xénero en todas as súas manifestacións.
2. Dereitos LGBTIQ+: Traballaremos na inclusión e o avance dos dereitos da comunidade, que pretendemos se recolla nunha lei galega de identidade de xénero, coa participación de todas as organizacións trans e LGTBI+ de Galicia.
3. Renda Básica Universal. Aposta por un estudo de pilotaxe de como funcionaría en Galicia a implantación desta medida, como xa se estivo probando noutras zonas do Estado e noutros países.
4. Rexeneración do sistema de saúde público. Con especial atención á saúde mental, onde queda case todo por facer, pero tamén en especialidades como fisioterapia, con listas de espera inaceptables que repercuten no benestar da poboación e na propia eficiencia do sistema.
5. Reforzo do sistema de servizos sociais e cambio radical no enfoque cara un sistema que promova a dignidade e autonomía das persoas. O foco estará na atención a maiores (apostando polo apoio na propia casa ou en pequenas residencias descentralizadas preto do lugar de orixe e con persoas da contorna), así como a persoas con calquera tipo de discapacidade e a persoas en situación de vulnerabilidade económica.

COIDAR A CONTORNA

6. Transición enerxética xusta. Fomento da enerxía de proximidade, tanto en produción como en distribución, con partidas suficientes para subvencionar estes sistemas. Endurecemento da lexislación no que ten que ver coa participación pública das afectadas polas infraestruturas de produción descentralizada e as infraestruturas de distribución que levan aparelladas. Promoción das comunidades enerxéticas e autoconsumo. Aposta sen ambaxes pola eficiencia enerxética con provisión suficiente de fondos e dando exemplo nos edificios de propiedade pública.
7. Ordenación territorial e ampliación dos espazos naturais protexidos. Cambiaremos o histórico déficit de protección dos nosos espazos naturais. Ampliaremos a superficie de cada espazo nun 15%, buscaremos a interconexión entre eles mediante corredores verdes e aumentaremos o seu grado de protección. Nos casos posibles, a Xunta farase coa propiedade dos mesmos e os seus plans de xestión deben ir encamiñados á recuperacións dos hábitats orixinarios. Creación do novo parque natural Ancares-Courel. Fora destas áreas, impulsarase unha política agro-forestal cunha ordenación territorial enfocada ao territorio multifuncional e ao mantemento das funcións dos ecosistemas. Crearemos un catálogo de boas prácticas agroforestais con axudas directas a labregas e labregos a modo de pago por servizos ambientais, como xeito tamén de fixar poboación.
8. Transporte e articulación do territorio. Creación de Áreas metropolitanas na Coruña e en Vigo, que permitan a creación de consorcios para a xestión única do transporte e outros servizos. O tren como medio de transporte sostible debe incrementar a súa oferta e servizos en Galicia.
Solicitarase ao Ministerio de Transportes a implantación do servizo de Proximidade (Cercanías) na liña A Coruña-Ferrol e na liña Pontevedra-Vigo-Valença, colaborando para facela posible.

9. Xestión de residuos. Redución de plásticos dun só uso. Aposta pola compostaxe e a recuperación de materiais reutilizables. Impulso a iniciativas de sistemas de envases retornables.
Cambio no modelo de incineración, na liña das directrices europeas.
10. Xestión da auga. Nun contexto de cambio climático acelerado, que pode afectar especialmente a Galicia, hai que contar cunha xestión integral do ciclo da auga, con indicadores de aseguramento do Dereito Humano á Auga que recollan aspectos técnicos, sociais e ambientais, tendo en conta o contexto previsiblemente cambiante cara eventos climáticos máis extremos con períodos de seca maiores. Crearemos un Observatorio da Auga de Galicia, que vele polo
cumprimento destes indicadores.

Queremos ademais engadir como área clave de especial interese a rexeneración do sistema público educativo de Galicia, en manifesto desmantelamento nos últimos anos. Apostaremos pola dotación de infraestruturas suficientes, persoal para reducir a ratio a 15 en educación primaria e 20 en secundaria, reforzo da FP e eliminación progresiva dos convenios con centros concertados. No currículum se prestará especial atención a contidos referentes ao respecto polo medio ambiente e a tolerancia e erradicación dos discursos de odio.