VERDES EQUO participará na coalición SUMAR GALICIA nas eleccións galegas do 18 de febreiro

A afiliación de VERDES EQUO Galicia ratificou mediante votación o acordo subscrito para participar na coalición SUMAR GALICIA nas próximas eleccións ao Parlamento Galego.

Haberá así varias opcións progresistas nas Galegas 2024, para que ninguén quede sen votar, facilitando o tan necesario cambio na Xunta de Galicia. A papeleta de SUMAR GALICIA, na que nos integramos, representa unha esquerda galeguista, verde, feminista e integradora. Unha opción política que pensamos precisa representación no Parlamento e no Goberno.

SUMAR GALICIA preséntase ás eleccións autonómicas coa vontade de que Galicia poida dispoñer do goberno progresista que pensamos demanda a maioría cidadá e desenvolver as políticas útiles que nos permitan avanzar como sociedade e como país.

A coalición comprométese a resolver os grandes retos que nos levan lastrando xa demasiado tempo tras os sucesivos gobernos do Partido Popular: unha estratexia industrial errática que perde oportunidades en sectores chave de futuro, unha mobilidade deficiente que non vertebra o país, uns servizos públicos colapsados polo insuficiente financiamento e por unha xestión orientada a favorecer intereses particulares, problemas de xestión de recursos e do actual estado do medio natural galego, un sector primario que a duras penas sobrevive, etc.

SUMAR GALICIA constrúese como unha proposta política feminista e ecoloxista, que entende o feminismo coma ferramenta fundamental de transformación social, e é así mesmo consciente da urxencia dunha transición ecolóxica que permita afrontar os retos presentes e futuros con garantías, tendo en consideración a emerxencia climática que xa está mostrando os seus efectos na realidade galega.

Este 18 de febreiro, o voto verde estará representado pola candidatura de SUMAR GALICIA.