Con menos frecuencias de trens, tanto en Renfe como en Feve, a Semana da Mobilidade chega este ano nun escenario de marcha atrás na oferta de transporte sostible. Tras a eliminación de servizos ferroviarios con motivo da epidemia do coronavirus, en Galicia funcionan tan só un 65% dos trens de media distancia que o facían antes desta situación. E precisamente algunhas das liñas que máis se necesitan para manter a vertebración territorial, son as que máis sufriron este recorte de frecuencias. Na provincia de Ourense sufriuse a maior perda de trens desde a Guerra Civil, chegando a desaparecer case o 70% dos trens que circulaban por Valdeorras. A posta en marcha da alta velocidade nos últimos anos tamén empeorou a comunicación de vilas situadas ao longo da liña convencional Santiago-Ourense, como O Carballiño ou Lalín, polas que agora tan só circula un tren ao día.

O transporte ferroviario, como servizo público que é, debe ser a vangarda dunha nova mobilidade que reduza o máximo posible a utilización do vehículo privado e a consecuente emisión de gases nocivos que contribúen ao cambio climático. En 2020 imos en dirección contraria. Lonxe de manter frecuencias e mellorar servizos, sufrimos un retroceso que fomentará a desafección polo uso do transporte colectivo e sostible. Galicia dispón -ou dispoñía- dunha importante rede ferroviaria que supón un gran potencial para promover e mellorar a mobilidade entre comarcas e vilas. Co Feve, desde Ferrolterra e atravesando toda a Mariña Lucense como transporte comarcal; Con Renfe, desde A Coruña ata Ferrol, con esa desexada liña de proximidade que daría servizo a case medio millón de persoas; e con outras zonas como o val do Miño en Ourense, Valdeorras, a área metropolitana de Vigo e a conexión con Portugal…

O transporte por estrada tamén corre risco de sufrir unha regresión na súa oferta. A Xunta prepara un novo Plan de Mobilidade que non parece ir en liña de facilitar o transporte aos veciños de pequenos núcleos de poboación. Como exemplo, a liña Vila de Cruces-A Coruña, que dá servizo a varias localidades que non dispoñen doutro medio de transporte, desaparece deste novo plan. Unha vez máis, a Xunta móstranos a súa doutrina, onde están ausentes tanto a vertebración do medio rural como a loita contra o despoboamento, mentres se priorizan os intereses económicos.
Nas cidades galegas tamén vemos un futuro incerto a unha nova mobilidade. Os principais concellos non teñen entre as súas prioridades o fomento do uso da bicicleta coa creación de máis carrís-bici nin a diminución do vehículo privado nos centros urbanos. Esa suposta sustentabilidade redúcese, como no caso da Coruña, a anunciar unha “cidade 30” que apenas se traslada ao cidadán por carecer de medidas eficaces e de control ao tráfico.
Necesitamos políticas valentes porque o tempo bótasenos encima. Cada ano temos máis presente en Galicia as consecuencias do cambio climático e a redución de gases contaminantes é unha das claves. En EQUO Galicia vemos con preocupación que cada vez estamos máis lonxe da desexada mobilidade sostible. Pero non perdemos a esperanza. Non é imposible nin difícil dar un xiro e promover desde as institucións públicas outra forma de mobilidade. Hai medios e recursos económicos para iso.