EQUO Galicia celebra o día da Matria Galega reivindicando a defensa da terra
EQUO Galicia súmase á celebración do día da Matria galega, querendo darlle valor a esta nai que nos acolle, a nosa terra galega, e á que tanto dano se lle fai, a ela e ás persoas que a habitamos.
Defendemos esta terra como nosa e sentimos como nosos o seu idioma, os seus símbolos e a súa cultura parte consubstancial da nosa identidade como pobo. Reivindicamos pois, máis aló dos usos ideolóxicos, de fronteiras e bandeiras, o noso dereito a defender a nosa matria galega, a sentirnos galegas coma a que máis.
Desde EQUO Galicia queremos destacar que ademais da celebración este é un día de reivindicación no que temos que seguir en loita na defensa da nosa terra, a nosa terra mesmo en sentido literal, esta terra que nos dá a vida pero á que tan mal tratamos. É un día para espertar, para darnos conta de que non podemos seguir a esquilmar os recursos: os nosos bosques, a nosa auga, as nosas leiras, e que debemos recuperar a boa maneira de facer as cousas.
As políticas seguen a ser as de explotar a nosa terra e os seus recursos, vendéndoos ao poder económico e as grandes multinacionais que tan só queren sacar proveito dela. Fanse leis que desprotexen os nosos recursos deixando a porta aberta a ameazas como a megaminería, o fracking, a acuicultura, etc., e todo isto en espazos protexidos.
Demandamos un xiro radical ás políticas medioambientais para protexer a nosa terra de intereses mercantilistas e protexela de verdade para as xeracións futuras, que deben seguir a celebrar este día como o que é, o día da nosa terra, e para que isto poida ser esta terra debe perdurar.
Por iso, EQUO Galicia defende Galicia cunha ampla visión, unha visión que nos engloba ás persoas e á terra na que vivimos. A nosa visión pasa por unha Galicia que destaque pola súa xestión forestal, polos seus medios para rexurdir nunha industria punteira como a
das renovables, dunha Galicia na que as novas iniciativas para o emprego teñan en consideración o medio no que vivimos, é dicir, todo o que chamamos emprego verde.
En suma, dende EQUO Galicia invitamos a todas as persoas que se sintan galegas a loitar por mellorar a nosa terra para poder sentirnos máis orgullosos dela.