Neste Día Mundial da Auga e nun contexto de cambio climático acelerado, que pode afectar especialmente a Galicia, queremos chamar a atención sobre algúns problemas que vimos detectando dende hai anos na nosa comunidade.
Por unha banda, estase a apostar por un enfoque máis paliativo que preventivo na xestión da auga. Propoñemos xa non só aplicar unha xestión integral da auga real (que en realidade tampouco se está a facer), senon traballar coa auga cunha visión de xestión integral do territorio, porque as infraestruturas ou as tecnoloxías máis innovadoras baseadas en intelixencia artificial e outros avances, non poden facer que a capacidade de acollida do noso territorio aumente exponencialmente. Así que, antes de apostar por actividades industriais ou modelos de cultivo intensivos en auga, como a planta de ALTRI ou os monocultivos de eucalipto, conviría pensar nunha estratexia territorial que teña en conta a auga-vida (tal e como a recoñece a Nueva Cultura del Agua) como verdadeiramente prioritaria.
Tal vez, como estamos na terra do milleiro de ríos, pensamos que a xestión da auga se facía soa. É preciso incorporar á xestión da auga, para que sexa verdadeiramente integrada cunha visión territorial, indicadores de aseguramento do Dereito Humano á Auga. Estes indicadores recollerían aspectos técnicos, sociais e ambientais, tendo en conta o contexto previsiblemente cambiante cara eventos climáticos máis extremos con periodos de seca maiores (dos que xa viñemos experimentando nos últimos anos). Sería de gran interese para isto crear un Observatorio da Auga de Galicia, que vele polo cumprimento destes indicadores. Ademais este observatorio estaría encargado de velar pola xestión de coñecemento e datos públicos para toma de decisións e divulgación na xestión dos recursos hídricos, mellorando a coordinación entre organismos de cunca hidrográfica.
Por outra banda, débese dotar a Augas de Galicia con estrutura suficiente que asegure un monitoreo e capacidade de seguimento das posibles infraccións que se van detectando e denunciando. Verquidos, pozos ilegais ou afectacións de cauces son algunhas das máis habituais. Habería ademais que reforzar, en calquera caso, os mecanismos para controlar os parámetros de calidade da auga, dotándoo de recursos suficientes, sen esperar a que cheguen as denuncias.
Tamén é importante a coordinación dos distintos organismos dos que depende que teñamos auga de calidade nas nosas casas. Para isto, por unha banda, sería clave apoiar ás traídas veciñais comunitarias, respectando a súa autonomía e véndoos como unha oportunidade de involucrar á cidadanía na xestión co-responsable e coñecemento dos límites do seus recursos hídricos. Para iso, propoñemos que Augas de Galicia teña unha unidade específica de apoio a estas traídas, con liñas específicas e suficientes de axudas (que están sendo bastante escasas), e tamén aos abastecementos e saneamentos autónomos. Por outra banda é preciso mellorar a coordinación e apoio de Augas de Galicia cos propios concellos, xa que en última instancia son os concellos os responsables do aseguramento do dereito humano á auga.