En VERDES-EQUO seguiremos a traballar polas políticas verdes nas institucións

Nestas Municipais 2023, os resultados non foron os que esperabamos para as candidaturas nas que participamos. Porén, a nosa vontade de levar a ecoloxía política ás institucións segue intacta. A emerxencia climática na que nos atopamos require dunha resposta urxente e contundente. As consecuencias do cambio climático afectan xa á saúde das persoas e do medio, pero tamén á nosa economía, local e global.

Precisamos políticas verdes, con propostas innovadoras e axeitadas ao noso tempo, que sirvan para mellorar a vida cotiá de todas e todos, á vez que respecten e coiden a nosa contorna. Son moitos os retos no horizonte, e o noso presente e futuro depende de como os afrontemos.

Como representantes do Partido Verde Europeo en Galicia, dende VERDES-EQUO seguiremos a traballar pola inclusión das políticas que pensamos que merecemos nas institucións, sempre dende o diálogo e os valores democráticos que están no noso ADN, valores que están tamén en risco nestes tempos nos que agroman populismos, autoritarismos e negacionismos.

As vindeiras eleccións xerais será a seguinte etapa para seguir traballando arreo, sensibilizando á sociedade e loitando pola inclusión das políticas verdes nos gobernos.