O domingo 15 de decembro dicimos NON a ALTRI

Este domingo 15 de decembro VERDES EQUO Galicia sumámonos á manifestación convocada en Compostela para berrar NON a ALTRI !!

A Xunta de Galicia vendeu o proxecto da celulosa de Altri coma se fose unha empresa de fabricación de fibras téxtiles vexetais, tinguindo todo o proxecto de verde e innovador, pero nada máis lonxe da realidade. Agora que se coñecen os detalles da macrocelulosa, decatámonos da gran mentira da Xunta é de Greenfiber (Altri + Greenalia, empresa de colocación de ex políticos do PP).

Trátase dunha celulosa tan innovadora como a de Ence de Pontevedra, aquela do 1957, igual de contaminante e de fétida, algo inherente á xeración de pasta de papel, pero cunha mínima produción dun novo produto de fibra téxtil que non chega ao 20%. Esta é a pátina verde, ecolóxica e sostible que se lle tenta dar a este proxecto desde o seu inicio, supoñemos que pola captación de fondos europeos “Next generation”. Vaia coa nova xeración de industria verde!

Toda esa suposta sensibilidade e respeto polo medio queda en evidencia cunha mínima análise do proxecto: a súa ubicacion vai abarcar 10 HC de hábitat de ribeira cun alto valor ecolóxico, propostas para a Rede Natura 2000, e de conservación prioritaria segundo as políticas ambientais de Europa. Estamos a falar dun impacto nun radio de 50 Km de contaminación atmosférica, como apuntan varios estudos. Ademais, compre considerar a perspectiva dos recursos hídricos, recursos que co avance do cambio climático sabemos que van ser escasos e vitais nun futuro próximo. Podemos malgastar 46 millóns de litros ao día de auga potable, quitándollelos a un río, ao agro e á poboación local para llo garantir a unha empresa? O actual estado de seca en Cataluña ou Andalucía permítenos albiscar o futuro que pode vir.

Ademais da captación de auga están as verteduras de 30 millóns de litros de auga contaminada ao río Ulla e, por destino, á ría de Arousa, a ría máis produtiva de Galicia para o sector pesqueiro/marisqueiro. Sabendo da desgracia que supuxo Ence para o marisqueo na ría de Pontevedra, podemos intuír o que pode supor Altri na ría de Arousa.

A creación de emprego non pode ser unha excusa para seguir apostando pola introdución deste tipo de industrias, pouco ou nada aliñadas cunha estratexia de futuro que teña en conta a necesaria transición enerxética e unha explotación responsable da nosa contorna. Máis cando se tenta convencer á poboación dos concellos afectados con cifras infladas de emprego: falábase primeiro de 2500 empregos directos, e na primeira comunicación pública oficial a empresa recoñece que poden ser uns 500.

En Verdes EQUO Galicia cremos que hai moitos sectores innovadores de xeración de emprego verde, dignos de fondos europeos, como poden ser, por citar algúns exemplos, a transformación de materiais reciclados e fabricación de produtos con eses materiais, a fabricación de medios de produción de enerxías renovables, ou a propia industria de transformación de alimentos. Porén, pensamos que un sector que perpetúa o modelo forestal do eucalipto, cuestionado cientificamente polo CSIC e que tanto dano ten feito en Galicia, e que supón unha gran emisión de gases de efecto invernadeiro e contaminación acuática, non debera ser considerado para o uso dos fondos europeos “Next generation”.

Vémonos o domingo 15 na Alameda de Compostela !