O Partido Verde considera moi grave o afastamento do maxistrado Luís Villares da sección do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que viña tramitando, entre outros asuntos, os litixios relacionados con proxectos eólicos. Esta decisión non é un mero axuste organizativo, pois se produce tras meses de presión pública da Xunta e de sectores empresariais contra resolucións xudiciais que afectaban a proxectos chave para a transición enerxética.
“Defendemos o despregamento eólico e cremos que Galicia non pode quedar bloqueada por posicións que rexeitan calquera proxecto no seu territorio. Pero precisamente por iso necesitamos regras claras e tribunais independentes. Cando hai motivos legais para arredar a un xuíz, débese actuar polas vías legais previstas. O que non é aceptable é que, non habendo motivos para sancionalo, sexa desprazado dos asuntos máis sensibles sen unha causa lexítima”, sinala o Partido Verde.
A cuestión non é protexer a un maxistrado concreto, senón evitar un prededente perigoso. Cando unha parte poderosa non obtén nos tribunais o resultado que persegue, a resposta só pose ser recorrer e defender a súa posición xuridicamente. Cambiar sen xustificación a quen coñece deses asuntos introduce unha lóxica incompatible co Estado de dereito.
O Partido Verde defende unha transición enerxética rápida e ambiciosa, baseada no despregamento de enerxías renovables como a eólica. Ese obxectivo exixe seguridade xurídica, procedementos sólidos e decisións xudiciais respectadas, tamén cando corrixen erros administrativos ou impoñen límites. Sen garantías xurídicas, a transición perde lexitimidade e exponse a un maior conflito social e a bloqueos máis profundos.
Por iso, o Partido Verde exixe explicacións públicas, claras e completas sobre esta decisión. A independencia xudicial non se defende só cando as resolucións coinciden cos obxectivos políticos. Deféndese, sobre todo, cando obrigan a axustar eses obxectivo á legalidade. Debilitar ese principio compromete tanto a calidade democrática como a viabilidade da propia transicion enerxética.