O pasado 24 de xaneiro tivo lugar unha reunión da Mesa Nacional de VERDES EQUO Galicia coa preparación das próximas eleccións municipais como principal tema a tratar.
Nesta reunión fíxose un repaso á situación actual das candidaturas de confluencia nas que VERDES EQUO Galicia xa participou nas dúas últimas eleccións municipais. Estas candidaturas seguen sendo a principal opción electoral para levar a cabo a ecoloxía política nos gobernos municipais galegos. Así ocorreu no caso da nosa participación no goberno municipal de Marea Atlántica na Coruña, de 2015 a 2019, ocupando a concellería de Mobilidade Sostible un membro de VERDES EQUO.
O talante dialogante e colaborativo que nos caracteriza aos Verdes, ten como obxectivo achegar propostas que melloren a vida das persoas e a igualdade social en sintonía co respecto ambiental e do desenvolvemento sostible.
As competencias xestionadas polos concellos son fundamentais para conseguir estes propósitos. Áreas como servizos sociais, mobilidade urbana, xestión de residuos ou vivenda son fundamentais para conseguir cidades e pobos amables coas persoas de toda índole, así como ser os impulsores da loita contra o cambio climático.
Nesta reunión tamén se decidiu convocar proximamente unha Asemblea que sirva como punto de encontro da afiliación e que enriqueza as propostas do partido verde de Galicia.
Desde a Mesa Nacional de VERDES EQUO Galicia animamos á afiliación e simpatizantes a ser parte activa deste proxecto ilusionante para levar as políticas verdes a cada recuncho da xeografía galega.